Xapón fíxase no Camiño pola ría de Muros e Noia
Muros recibiu este luns a visita dun grupo de profesionais xaponeses interesados nas mellores prácticas do Camiño de Santiago pola Ría de Muros e Noia, convidados pola Asociación Auga e Sal.
Eriko Nishida, Gaku Umehara e Masao Osagawa traballan nun proxecto auspiciado pola Oficina de Turismo de Xapón para desenvolver un produto turístico centrado no Camiño de Shikoku en bicicleta para turistas estranxeiros. Este proxecto innovador combina o percorrido en bicicleta polo Camiño budista de Shikoku con experiencias culturais, relixiosas e gastronómicas auténticas de Xapón.
A alcaldesa de Muros, María Lago, e a concelleira de Cultura e Turismo, Caridad González, recibiron aos profesionais xaponeses no concello e expresaron a súa satisfacción “polo interese mostrado pola comitiva xaponesa”. “Un pracer recibilos e abrir con eles posibles vías de colaboración no futuro”, asegura María Lago.
Masao Osagawa destacou a importancia de establecer contacto coa comunidade local, “que ofrece experiencias auténticas, co fin de extraer ideas e adaptalas ao contexto do Camiño de Shikoku”.
Na súa estancia en Muros, participaron na visita guiada ‘Pegadas de auga e sal’ da man de Montse París, unha experiencia que transporta á Idade Media e mergulla aos peregrinos na historia dos primeiros viaxeiros que chegaron por mar ás costas da ría.
Esta experiencia única, subvencionada polo Concello de Muros como parte da promoción do Camiño pola Ría, foi especialmente valorada pola súa autenticidade e a súa capacidade para conectar coa esencia e o espírito do peregrinaxe.