O Castelo Rock reivindica un modelo de festival de proximidade
O Festival Castelo Rock presentou esta mañá a programación da súa XXII edición nun acto celebrado na Casa do Concello de Muros, onde organización e institucións coincidiron en reivindicar un modelo de festival de proximidade, arraigado ao territorio e construído desde o compromiso colectivo.
Lonxe de competir na carreira dos macroeventos, o Castelo Rock aposta por un formato que sitúa ás persoas no centro. Un festival organizado por unha asociación sen ánimo de lucro, sustentado no traballo do voluntariado e cunha relación directa coa vila que o acolle desde hai máis de dúas décadas. Durante a presentación, a organización destacou que esta maneira de entender os festivais é tamén unha forma de facer cultura: xerando comunidade, impulsando a cultura e creando un espazo de encontro no que conviven público, artistas, tecido asociativo e veciñanza.
3 días no casco muradán
A XXII edición celebrarase os días 6, 7 e 8 de agosto e volverá converter Muros nun punto de encontro para milleiros de persoas arredor da música en directo. O cartel reúne artistas de diferentes procedencias e estilos, combinando nomes internacionais como Kid Kapichi e Big Special con proxectos estatais como Viva Belgrado ou Parkesvr, sen esquecer a presenza da creación galega a través da Orquestra Bravú Xangai, LAW, Nadie González ou XianPais e outras propostas que completan unha programación pensada para ofrecer unha experiencia diversa e de calidade.
Na presentación interviñeron o presidente da ACRD Praia do Castelo, Santiago Romero; a alcaldesa do Concello de Muros, María Lago; a concelleira de Cultura, Caridad González; a deputada provincial Natividade González e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), Jacobo Sutil, quen puxeron en valor a traxectoria dun festival que, vinte e dous anos despois do seu nacemento, continúa medrando sen perder a esencia coa que foi creado. A organización subliñou tamén que o Castelo Rock segue demostrando que é posible desenvolver un proxecto cultural sostible sen renunciar á proximidade nin á identidade propia. Un festival que entende a cultura como un servizo público, aberto e accesible, e que cada verán converte Muros nun espazo de convivencia arredor da música.
Co respaldo do Concello de Muros, da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia, a través da AGADIC, o Castelo Rock afronta unha nova edición reafirmando o seu compromiso coa música en directo, coa cultura galega e cun modelo de festival que medra desde o territorio, sen esquecer nunca de onde vén.
As entradas e os abonos para a XXII edición continúan dispoñibles na páxina web oficial do festival, www.castelorock.gal, onde tamén pode consultarse a programación completa, os horarios e toda a información práctica para asistir ao evento.