Comezan as obras de reconstrución da ponte vella de Abelleira que tirou abaixo a borrasca Kirk

Estado actual da Ponte Vella de Abelleira

Foi en outubro do ano pasado cando a borrasca Kirk azoutou toda a comarca. Unha das consecuencias foi o derrubamento da histórica Ponte Vella, na parroquia de Abelleira, en Muros, polo incremento de caudal do río Rateira. A auga arrancou de raíz un salgueiro de grandes dimensións, que provocou o colapso da estrutura da Ponte Vella de Abelleira e o desprazamento das pedras que conforman as bases da ponte.
Estas seis grandes pedras (perpiaños) arrastradas pola riada, atópanse actualmente no leito do río e teñen un gran valor, tanto económico como etnográfico. 

O Concello arrinca esta semana as obras para a súa reconstrución. “Tomamos enseguida a decisión de reconstruír a ponte tras o temporal, pero foi necesario elaborar un proxecto de obra e solicitar varios permisos sectoriais”, afirma a alcaldesa, María Lago.

“As actuacións a realizar consisten na reconstrución das bases onde estaban apoiados os perpiaños para a posterior colocación dos mesmos. Esta reconstrución realizarase unicamente coas pedras existentes que se atopan no leito do río”, explica a concelleira de Obras, Laura Rivadeneira.

Estado orixinal e estado actual da Ponte Vella

A colocación dos perpiaños realizarase da mesma forma e na mesma posición na que estaban, mantendo así a imaxe e estrutura que tiña a ponte, sen utilizar outros materiais distintos aos orixinais. Na reconstrución non se utilizará formigón, e no caso de ser necesario para reforzar a base, este quedará oculto polas pedras.
A ponte forma parte tamén dun dos roteiros etnográficos máis significativos do Concello de Muros, xa que comunica cos muíños do río Rateira.