Doce resaca trala activa Semana Cultural no IES As Insuas
Descansa esta Semana Santa a comunidade educativa do IES As Insuas de Muros, satisfeita do éxito acadado coa Semana Cultural. O completísimo programa formulado polo equipo do centro desenvolveuse con total normalidade e fantástica acollida polos mestres e polos alumnos, permitindo que as clases ordinarias fosen substituídas completamente (todos os días, en todos os cursos e en todas as horas lectivas) por actividades variadas e divertidas para aprender dun xeito diferente. E máis divertido.
Cómpre destacar, por exemplo, a I Feira de Orientación Académica e Profesional, que foi gabada polas entidades participantes pola correcta organización e polo poder de convocatoria, pois polo pavillón do instituto pasaron varios grupos de escolares da contorna. Un dos atractivos da feira foi a exposición, no patio exterior, de vehículos dos corpos de seguridade participantes.
Polo IES As Insuas pasaron tamén escritores de renome como Estevo Creus, Séchu Sende ou Abel Tomé. Así como grandes especialistas en diversas materias: incendios forestais, cultura xaponesa, antropoloxía, entomoloxía, historia, cómic, música...
Moitas actividades foron executadas seguindo o formato obradoiro: xestión emocional, educación sexual, coidado dos animais, baile moderno, cociña, ganchillo, olería, cestería e outras manualidades. Outras correron directamente a cargo do alumnado, amosando a súa versatilidade e coñecementos á hora de levar a cabo exposicións orais, experimentos científico-matemáticos, pequenos concertos...
O instituto contou asemade coa colaboración de diversas entidades locais. Así, o alumnado divertiuse coas actividades deseñadas pola ANPA: escape room, confección de camisetas e de papaventos (que puxeron a voar, como peche da semana, na fermosa horta das Insuas). Así mesmo espertou grande interese na rapazada o despregue dos vehículos e materiais do GES do Concello de Muros ou a visita realizada por 4º de ESO ás instalacións do IES Fontexería, onde poderán continuar os seus estudos o vindeiro curso.
Outra iniciativa destacada foi o roteiro a pé entre Abelleira e Esteiro, guiado por Montse París, da asociación Muros Auga e Sal, seguindo os pasos de Pietro Querini, xa que o IES As Insuas está a participar nun concurso internacional arredor deste comerciante e navegante veneciano do século XV que recalara na vila de Muros e desde alí peregrinara a Santiago.
"Remata unha semana intensa e memorable, toda unha mostra de talento, estímulo e curiosidade intelectual da mocidade que anchea a vida cultural da nosa comarca", conclúen satisfeitos dende o centro.