O IES As Insuas aparca os libros e formula unha intensa Semana Cultural

O IES As Insuas celebra unha vez máis a súa semana cultural, que xa retomara o pasado curso con motivo do seu 25 aniversario. O éxito da anterior edición animou ao profesorado deste instituto muradán a organizar unhas xornadas culturais aínda máis ambiciosas, polo que nesta ocasión as clases ordinarias serán substituídas completamente (todos os días, en todos os cursos e en todas as horas lectivas) por actividades variadas e divertidas para aprender dun xeito diferente, e implicando a toda a comunidade educativa.
Honrarase de xeito específico a cultura nas súas máis variadas expresións. Un dos eventos máis completos será a realización, o martes 8 de abril, dunha feira de orientación académica e profesional, que contará cuns vinte stands de empresas e centros de formación, e será visitada tamén por alumnado doutros centros educativos da zona. Ademais haberá oco para a divulgación musical, científica, pictórica ou literaria.
A dirección do centro considera esta semana previa ás vacacións un escaparate lúdico e cultural que pretende abrir o instituto á contorna, como se desprende da nómina de profesionais e institucións que participan nestes actos. Estas xornadas culturais veñen ser así unha continuación do traballo levado a cabo nos últimos anos en colaboración co Concello de Muros ou cos centros educativos de Serres, mais tamén con entidades como Muros Auga e Sal ou ADISBISMUR.