Esteiro presenta a Escola de Pilotxs – Carrilanas cun evento cultural vencellado ao automobilismo e á tradición carrilaneira

Xabi Maceiras, a faciana da Escola de nas Carrilanas Esteiro 2023

O vindeiro sábado 12 de abril, a partir das 19:00h na Alameda de Esteiro, celebrarase a festa de presentación da Escola de Pilotxs-Carrilanas Esteiro, un proxecto promovido pola ADC Esteirana de Carrilanas que a pesar da voráxine que vive, non deixa de lado o compromiso adquirido con estes pilotxs e coa difusión da identidade carrilaneira neste caso a través do deporte de base.

A Escola de Pilotxs configúrase como un espazo de aprendizaxe, visibilización e impulso do automobilismo, cun forte vínculo coa tradición popular das carrilanas. Desde a ADC Esteirana de Carrilanas, afirman que buscarán acadar novas colaboracións tanto a nivel institucional como privado, co obxectivo de garantir a continuidade e solidez desta iniciativa que carece de axudas ao non considerarse deporte olímpico pese ao intento da entidade de incluila no seu propio convenio de colaboración.

Pablo Molinos no seu Carcross

A escola pretende acompañar e apoiar a dous pilotos locais que compiten tamén en carrilanas: Pablo Molinos Buján, en carcross, e Xabi Maceiras Lamela, en karting. Ambos iniciaron xa a súa participación no Campionato Galego de Autocross e Karting, e este proxecto quere facilitarlles ese camiño desde o colectivo e o tecido social de Esteiro.

Xabi Maceiras co seu Kart

A festa de presentación

A festa combinará o mundo do motor coa música e a participación cultural, contando con pequenos concertos Km0 a cargo de artistas que colaboran coa asociación. Actuarán a banda Capital Voskov, en formato acústico e co colectivo de música urbana Os Chavales (Xián Pais, 9Louro e Fabiovz) e tamén haberá sesións a cargo dun DJ convidado.