O IES Fontexería celebrou “Trinta” anos de Semana Cultural

Presentación sobre futbolín na Semana Cultural do IES Fontexeria de Muros

Menuda Semana Cultural a que viviu o IES Fontexeria de Muros. E non era para menos, pois tocaba celebrar os “Trinta” anos desta proposta que trata de romper o día a día dos libros con propostas do máis interesante.

A Semana comezaba o pasado luns 8, coa representación teatral de "Golpes", que trata o tema da violéncia de xénero, unha interesante palestra sobre a edición xénica a cargo do profesor da USC Miguel González Blanco e outra sobre o aceso á universidade por Celso Míguez da CIUG, á que tamén estiveron convidadas as famílias do alunado de bacharelato.

Ademais o alumnado puido gozar dunha xornada sobre a história do futbolín, coordenada por várias alumnas de 2º de bacharelato, unha xornada sobre tecnoloxia a cargo de AMTEGA-Altia, unha xornada do programa Pantallas Amigas sobre acoso e violéncia de xénero no contexto dixital, finalizando coa actuación do Mago Teto que presentou a sua "Incrible Historia da Maxia”.

O martes tocaba visita a Fisterra dentro do programa "O sabor da aventura está no mar”. Á volta, unha nova palestra da USC a cargo do profesor Xosé Pardo López baixo o título de "Como ven as máquinas?”. Houbo tempo para os monólogos en inglés de Flora Sambade; para presentar a exposición dun proxecto empresarial por parte do alunado de 2º de bacharelato; para desenolver un obradoiro de igualdade no CEIP Ramón de Artaza xunto co alumnado de 4º de ESO; unha xornada sobre Empoderamento feminino e novas masculinidades; e, para finalizar, unha xornada de portas abertas con experiencias manipulativas no Ciclo Medio de Instalacións Eléctricas e Automáticas.

O mércores foi a quenda de varios obradoiros (Cerámica e Viveirismo, coa presenza de ADISBISMUR, e Fabricación de obxectos con resíduos a cargo de ADEGA). Tocou tamén aprender de toponimia cunha sesión co académico Vicente Feijoo; e sobre Economia Circular, coa Asociación Galicia Ambiental, ademais da sesión Enerxía con Conciencia. As citas máis divertidas foron os concursos (Big Challenge e Falácias).


Xornada sobre diversidade con Adisbismur

Gran Día da Ciencia

O xoves foi o gran Dia da Ciencia, no que se presentaron arredor de duas dúcias de experimentos e técnicas elaborados e explicados polo alumnado de Bacharelato, e que foron expostos a todo o alumnado do centro e a varios grupos convidados do CEIP Ramón de Artaza e do IES As Insuas

Tiveron taména sesión de xogos e deportes inclusivos, coa colaboración de ADISBISMUR. Nela, 50 alumn@s do centro sufriron en primeira persoa a diversidade e practicaron durante  actividades deportivas como un circuíto que tiñan que percorrer cos ollos tapados, basquet en cadeira de rodas adaptadas, circuíto de bicicletas adaptadas a persoas con mobilidade reducida, volei en cadeira de rodas e fútbol cos ollos tapados e cunha pelota sonora.

E completaron a sesión do xoves con obradoiros de substitución de tóxicos no fogar, de novo con ADEGA e unha sesión sobre fotografia do mundo.

E xa o venres tivemos ocasión de despedir a Semana coa presenza do senegalés Djibril Fayé, da ONG Ecos do Sur, que falou de economía internacional e movrmentos migratórios, así como a fantástica masterclass e posterior actuación de Mounqup. Os actos de clausura contaron ademais coa interpretación de pezas musicais por parte do alunado de Música e Francés, entrega de premios e agasallos e peche dunha Semana Cultural que, na sua trixésima edición resultou ser todo un éxito, grazas ao traballo e colaboración de toda a comunidade educativa.

Novas relacionadas