Luís Oujo, novo presidente da Ría da Estrela

A alcaldesa de Muros, María Lago, e á súa esquerda, Luís Oujo

O cambio de alcaldía no Concello de Noia motivou a xuntanza na casa consistorial de Noia para elixir o novo presidente da Asociación Rural de Desenvolvemento Ría da Estrela, cargo que ostentaba Santiago Freire.

Así, presentouse unha candidatura única e de consenso por parte dos cinco concellos integrados na ARD e dos distintos partidos políticos representados (PP, PSOE, e BNG).
Unha candidatura encabezada polo alcalde de Porto do Son, Luis Oujo Pouso, quen será o presidente da ARD Ría da Estrela, sucedendo así a Santiago Freire Abeijón, tal e como fixo a semana pasada na Presidencia da Asociación de Concellos do Camiño da Ría Muros Noia.

Deste xeito mantense a tradición dende 2018, data de constitución da asociación, de que unha mesma persoa asuma a Presidencia de ambas as dúas entidades, Ría da Estrela e Asociación de Concellos do Camiño, para facilitar a coordinación e o establecemento de sinerxias entre elas.

A vacante de tesoureiro que deixa Luis Oujo será ocupada polo actual alcalde de Noia, Francisco Pérez Caamaño, que foi apoiado unanimemente por toda a xunta directiva.

A xunta directiva da Ría da Estrela estará integrada por:
- María Lago Lestón, alcaldesa de Muros, como vicepresidenta
- Francisco Pérez Caamaño, alcalde de Noia, como tesoureiro
- Francisco Calo Abelleira, alcalde de Outes, como secretario
- Teresa Villaverde Pais, vogal.

Durante esta xuntanza, o novo presidente pediu ao alcalde de Noia celebrar todos os encontros da xunta directiva do ADR e da Asociación de Concellos do Camiño na Casa Consistorial de Noia por unha cuestión de centralidade e desprazamento dos membros da xunta directiva. Unha petición que foi respaldada polos seus compañeiros e compañeiras e aceptada polo alcalde de Noia.

Máis novas