Muros chama á cidadanía a participar na andaina “Latexos de Igualdade” polo 8M

Cada 8 de marzo a familia de Adisbismur segue reivindicando que a igualdade entre mulleres e homes non é algo conseguido definitivamente, senón un camiño no que aínda queda moito por avanzar. As desigualdades, as violencias e as discriminacións seguen presentes na vida de moitas mulleres, e por iso é necesario seguir facendo visible esta realidade e reivindicar cambios.

Con este propósito nace “Latexos de Igualdade: Muros en Marcha polo 8M”, unha andaina organizada por ADISBISMUR que pretende converter as rúas de Muros nun espazo de encontro, reflexión e compromiso colectivo coa igualdade.

Porque avanzar en igualdade non é responsabilidade dunha soa persoa nin dun só colectivo: é unha tarefa de toda a sociedade.

A actividade, paralela ao programa municipal pola data, celebrarase o luns 9 de marzo, con punto de encontro no Pozo do Cachón ás 11:30 horas, dende onde iniciaremos un percorrido ata a Praza do Concello de Muros.

Nesta iniciativa participarán alumnado e profesorado do IES As Insuas, IES Fontexería e CEIP Ramón de Artaza, ademais de persoas usuarias e profesionais de ADISBISMUR, contando coa colaboración do Concello de Muros e co apoio de Protección Civil.
A andaina está aberta a toda a cidadanía, polo que animamos á veciñanza, ás asociacións, ás familias e ás persoas de Muros e arredores a sumarse a este paseo colectivo pola igualdade.

Tamén convidan ás persoas asistentes a que, se é posible, leven algunha peza ou elemento de cor violeta, símbolo desta xornada reivindicativa.
Se as condicións meteorolóxicas non o permiten, a actividade non se anulará, senón que se aprazará para outra data.

Máis novas