O 8M de Muros: Conversas para avanzar dereitos
O Concello de Muros presentou a súa programación arredor do 8M, Día Internacional da Muller, con varias actividades para todas as idades durante o mes de marzo.
A primeira será este sábado, 7 de marzo, cunha homenaxe ás defensoras da praia organizada polas asociacións de Abelleira no local social de Sorribos, para dar paso o 13 de marzo a un coloquio con exemplos de mulleres emprendedoras de Muros. A cita será ás 19:00h na Fábrica de Sel con María de Dina de @lixoatelier, e Alba Fdez, de Espazo A Maceta.
Os días 16 e 17 chegará a quenda dos contacontos teatralizados nos centros de Infantil e Primaria de Vilalba, para pechar a programación cun novo Café Feminista no Centro Social de Louro coa psicóloga Áurea Brea.
“Unha programación cun obxectivo, o de concienciar na necesidade de seguir avanzando na igualdade real de dereitos, non podemos dar pasos cara atrás como sociedade”, asegura Maruxa Martínez, concelleira de Igualdade de Muros.
“É moi importante reforzar a concienciación, que as nenas e os nenos tomen conciencia do que é realmente a igualdade, por iso poñemos o foco un ano máis nos centros de ensino", explica pola súa parte a alcaldesa, María Lago.