Muros fomenta a lectura cun novo programa
O Concello de Muros presentou un novo programa de actividades que ten como obxectivo fomentar a lectura entre a cidadanía. Estas actividades terán lugar na Biblioteca Municipal de Muros e na Axencia de Lectura de Esteiro ata o próximo mes de maio.
O programa comezou este martes 22 de outubro, na Biblioteca de Muros e o mércores 23 de outubro na Axencia de Lectura de Esteiro, ambas as sesións ás 18:00 horas.
Este ciclo semanal está deseñado para o público infantil e familiar, achegando á cidadanía ás bibliotecas e estimulando o interese pola lectura.
Ademais, para potenciar a asistencia dos mozos e mozas ás bibliotecas e convertelas en lugares de encontro e compartir, reforzarase a adquisición de libros para lectura obrigatoria de Primaria, Secundaria e Bacharelato, que estarán dispoñibles para o préstamo. As bibliotecas son un recurso esencial para toda a veciñanza.