mércores. 13.11.2024
El tiempo

Ruando, a necesaria homenaxe de Muros ás mulleres con historia

Ruando Mulleres Muros 2
Ruando, a necesaria homenaxe de Muros ás mulleres con historia

O Curro da Praza de Muros acolle desde hoxe a exposición do proxecto ‘Ruando: Memoria de Muros’ para recoñecer e homenaxear o papel fundamental das mulleres na historia do concello. Unha exposición coas historias de 11 mulleres de Muros, que non só é un recoñecemento ao pasado, senón que tamén pretende estimular o diálogo interxeracional e subliñar a importancia das contribucións das mulleres no presente.

Ruando propón un percorrido polas rúas de Muros desde unha perspectiva innovadora, onde cada espazo cobra vida grazas ás historias e testemuños das mulleres que durante xeracións foron o motor da comunidade.
Un mapa emocional que permite conectar co pasado a través da memoria feminina por medio de imaxes e vídeos que se poden descargar por QR.


María Lago afirmou que “en Muros xa non sorprende ver unha muller na alcaldía, pero durante décadas houbo no noso pobo un matriarcado, aínda presente, fundamental nos fogares e no desenvolvemento do concello”.
“Mulleres que abriron camiño, na maior parte das veces dunha forma anónima e invisibilizada, polo que este proxecto é unha reivindicación das súas vidas e as súas historias”, engadiu a alcaldesa.

A concelleira de Igualdade, Maruxa Martínez, destacou “o privilexio de formar parte desta iniciativa, con exemplos de vida e sacrificio de moitas mulleres de Muros, representadas polas once que forman parte da exposición”.

Pola súa parte, Soledad Agra manifestou “a ledicia de apoiar desde a deputación este proxecto, no que o verbo ‘dar’ e protagonista, da man de mulleres que deron a súa vida polos demais”.

O proxecto está impulsado polo Concello de Muros e a Deputación da Coruña.

Comentarios