Novas obras de saneamento en Esteiro

Segue priorizando o Concello de Muros na ampliación e mellora da rede de saneamento municipal en todas as parroquias, un servizo público esencial para a veciñanza. Esta semana, a brigada de obras municipal comezou unha actuación no Areal, na parroquia de Esteiro, co obxectivo de facilitar o saneamento ás vivendas da zona.

A obra consiste na execución de redes separativas nas tres rúas situadas arredor do centro social do Areal, diferenciando o saneamento das augas pluviais. Ata o de agora existía un único tubo de formigón que provocaba continuos problemas de atasco.
Esta actuación, realizada e financiada integramente polo Concello de Muros, permitirá mellorar o servizo ás vivendas da zona e evitar vertidos ao río.

A alcaldesa de Muros, María Lago, lembra que “no que vai de mandato, desde o goberno local investimos xa 2 millóns de euros na renovación e a mellora da rede de saneamento, un servizo que repercute ademais directamente no marisqueo”.
Laura Rivadeneira, concelleira de Obras, engade que “seguimos traballando para mellorar as infraestruturas básicas das nosas parroquias. Esta obra permitirá ofrecer un servizo máis eficiente, evitar problemas de atascos e contribuír ao coidado do noso entorno natural”.