O cabalo de espadas de Cuíña

As cartas da baralla cos persoeiros políticos do Prestige na Exposición da Asociación Cultural Unha Gran Burla Negra en Muros

A carta da baralla do cabalo de espadas coa cara de Xosé Cuíña, botando sangue polo pescozo, foi o punto de fricción. A cousa xa viña con algo de desconfianza, e ao final non foi a máis, pero a tensión entre a nova equipa de goberno do Concello de Muros, e a Asociación Cultural Unha Gran Burla Negra foi tan patente que esta semana a entidade organizadora da exposición “Creatividade Popular e Memoria do Prestige” denuncia censura por parte do goberno local.

"Sufrimos un ataque que podemos considerar como unha falta total de respecto ao traballo das profesionais que deseñaron e montaron a exposición, e un caso máis de espazo pechado e diñeiro público agachado, por mor da censura política”, denuncia a entidade, que considera que o espazo estivo “aberto o menor tempo posible, só en horario de mañá e pechado as fins de semana”.

É certo que Muros é o primeiro concello gobernado polo PP que alberga esta exposición, que trata de mergullar na memoria das persoas que viviron a traxedia e a reacción cidadá a través dunha mostra dos símbolos, obxectos, imaxes e cartaces que marcaron aqueles días. Pero foi o goberno anterior, o de CxG, o que deixara a contratación feita, polo que ao novo goberno popular esta exposición veulle dada.

”Fíxoselles o mesmo trato que ao resto das exposicións”, explicou a alcaldesa Inés Monteagudo, “estivo aberto nas Xornadas Muros Mira ao Mar en horario de mañá e tarde, como estaba establecido, e despois pola mañá, como o resto de exposicións que había nese centro cultural”.

Foi unha das concelleiras a que, ao pasar pouco antes da inauguración, deixou claro que non lle gustaba a carta de Cuíña (ese cabalo de espadas que formaba parte da reprodución das cartas que a sociedade fixo para protestar naqueles días), despois do seu falecemento. “Ameazounos dicíndonos que `xa tomarían medidas dende o goberno municipal´” denuncia a asociación. “Simplemente dixo a súa opinión, que non lle gustaba esa carta, pero non se quitou nada do que estaba na exposición”, explica a alcaldesa.

En todo caso, se a exposición trataba de mostrar a expresión dun pobo que protestaba en contra da xestión dunha catástrofe, si parecería criticable intentar pedir que se retire parte desa iconografía que pretende presentarse.


A baralla de cartas estivo presente nas protestas do Nunca Máis canda o Prestige

Novas relacionadas