A parella muradá de Miceltia expande a súa experiencia no mundo dos cogumelos lanzando un curso de cultivo en liña

Manola e Juno Martínez Lago son Miceltia

Juno e Manola Martínez Lago son dous irmáns de Muros, que levan máis de 10 anos no mundo dos cogumelos no proxecto Miceltia. Un proxecto que empezou a fraguarse hai xa máis de 15 anos, e que fumos coñecendo en 2018 coa súa presentación pública e en 2019 cun par de accións nos coles muradáns.

Dende o lugar de Vadernado, Juno e Manola decidiron volver a casa e reconvertir un antigo almacén nunhas salas de cultivo para emprender nun sector que ata ese momento era practicamente descoñecido para eles. A pesar da falta de formación e información sobre o cultivo de cogumelos, convertiron a travesía nun “proceso de experimentación e aprendizaxe” ata conseguir controlar tódalas fases do cultivo.

Imaxae dun kit autocultivo de Miceltia

Foron convertíndose así en especialistas no cultivo de produtos tan codiciados como o shiitake (un fungo orixinario de Asia, que é un dos cogumelos máis consumidos a nivel mundial) ou outras variedades, como reishi, melena de león, cogumelo de cardo ou cola de pavo

O seu negocio leva anos evolucionando. “Estivemos durante un tempo elaborando substrato para producir shiitake fresco, vendendo directamente a Restauración e distribuidores de alimentación (froiterías) pola nosa zona ata Santiago, ata que conseguimos ter un substrato de calidade e decidimos especializarnos e dedicarnos á elaboración e venta de substrato como kit de autocultivo (tanto para cultivo caseiro como para outros pequenos produtores de cogumelo)”, explica. “De xeito xa residual vendemos algo de cogumelo fresco en Muros e a través da nosa tenda en liña comercializamos o substrato e tamén algún subproduto (cogumelo en po, que elaboramos cando temos excedencia de cogumelo fresco)”.

 

Curso en liña de cultivo de shiitakel

De toda esa experiencia, e precisamente da falta de información que sufriron ao comezar co seu negocio, nace o novo proxecto. “Agora, que xa levamos un bo rodaxe cultivando fungos, é o momento idóneo para compartir todo o coñecemento adquirido e diversificar tamén así a nosa oferta de produtos, con este novo infoproduto que acabamos de sacar e tamén a posta en marcha de obradoiros de cultivo, co fin de que se poida ademais ver neste tipo de cultivo unha posible actividade a desenvolver no noso rural”.

Trátase dun Curso en liña de cultivo de shiitake en substrato esterilizado en formato audiovisual. Unha guía de cultivo moi específica, dinámica e pensada tanto para principiantes como para cultivadores que xa afrontan os desafíos na produción.

O curso está dispoñible no apartado de Formación da súa web www.miceltia.com/formacion/ en formato de vídeo para descargar a través da plataforma Hotmart e inclúe un certificado de realización e soporte dixital para resolver dúbidas e acompañar inicialmente no proceso de aprendizaxe.

Ademais, van poñer en marcha obradoiros presenciais de cultivo coa intención de popularizar a micocultultura.

 
 
 
 

 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 

A post shared by Miceltia (@miceltia)

Un posible camiño aberto para Galicia

Eles teñen claro que este pode ser un camiño para moitos emprendedores do rural. “Galicia ten un enorme potencial para desenvolver unha industria sostible no sector da funghicultura porque reúne unhas condicións climatolóxicas excepcionais para esta práctica, pero a pesar de que cada vez hai máis pequenos produtores de fungos coma nós, en xeral, fáltanos a tradición e coñecemento do cultivo, por íso imos poñer en marcha estes obradoiros.”

Máis novas