A Ría da Estrela posicionouse en Fitur como destino náutico para a navegación recreativa

Ria da Estrela en Fitur 2026

Non faltou o sur da comarca na Feira Internacional de Turismo de Madrid. Ademais da presenza da CMAT, Deputación e diversos concellos, tamén estivo o Concello de Muros participando coa Ría da Estrela e a Asociación de Municipios do Camiño da Ría de Muros Noia.

As entidades levaron o seu proxecto de convetir a comarca en destino náutico para a navegación recreativa, polo que esta tarde presentou en FITUR dúas importantes novidades no seu catálogo de peregrinacións marítimas: a VI Ruta Rías Baixas-Camiño de Santiago da Ría de Muros Noia e o I Raid Marítimo Baiona-Santiago, unha segunda ruta máis ligada á navegación histórica de mariñeiros como Pietro Querini e a Vía Querinissima. 

 

Luís Oujo, presidente da Ría da Estrela e da Asociación de Municipios do Camiño da Ría de Muros Noia destacou “a gran potencialidade que teñen tanto as rutas náuticas como a Vía Querinissima, que nos levan a crecer cara a Portugal”. Reforzan así a súa aposta polas peregrinacións marítimas nas súas diferentes modalidades: por libre, coa axuda de asociacións de clubs náuticos, participando en roteiros organizados con embarcación propia, alugando un barco con ou sen patrón, alugando prazas de camarotes..

Novidades

O VI Roteiro Náutica Rías Baixas-Camiño de Santiago Ría Muros Noia terá lugar do 29 de xuño ao 4 de xullo, recuperando a tradición histórica dos peregrinos que chegaban a Compostela por mar. Unha experiencia que combina navegación, patrimonio cultural, espiritualidade e tradición mariñeira e que este ano se amplía a terras portuguesas. Con saída desde o Monte Real Club de Iates de Baiona, as embarcacións seguirán un itinerario que inclúe algúns dos enclaves máis emblemáticos da costa galega, con saídas e recaladas en puntos de alto valor paisaxístico como Baiona, as Illas Cíes, a ría de Aldán, Ons, Combarro, a ría de Arousa, A Pobra do Caramiñal, Muros e o Real Club Náutico de Portosín, antes de iniciar a peregrinación por terra ata Santiago de Compostela.

O segundo roteiro, denominada “I Raid Marítimo Baiona-Santiago”, terá lugar do 29 de agosto ao 3 de setembro e seguirá unha modalidade máis vinculada á navegación histórica seguida por navegantes como o veneciano Pietro Querini, que no século XV deixou perfectamente documentada unha peregrinación a Compostela dentro dunha viaxe que deu orixe á roteiro cultura europea Vía Querinissima, que vincula a catorce países de Europa. A diferenza da anterior, neste segundo roteiro as embarcacións non amarrarán nos portos deportivos, senón que fondearán directamente nas augas das rías galegas. Os patróns que así o desexen poderán iniciar a súa navegación no Porto, con reagrupamientos en Esposende e Viana do Castelo, antes de continuar ata o Monte Real Club de Iates de Baiona, desde onde terá lugar a saída oficial.

Nos dous casos, a navegación seguirá o percorrido empregado polos peregrinos que quedou recollido no estudo de historicidade do Camiño da Ría de Muros Noia e que foi valorado polo Arcebispado de Santiago á hora de concederlle a Compostela a aquel peregrino que complete un mínimo de 100 millas náuticas e chegue andando a Compostela.