A Costa da Morte en Fitur expón un modelo de identidade e autenticidade
Continúa viva a Feira Turística de Madrid, cunha nutrida e dispersa presenza da Costa da Morte. Xa repasamos as presentacións de Camariñas e Vimianzo e hoxe abrimos o paraugas para falar en clave comarcal, coas campañas que levou a CMAT e a Deputación.
A CMAT reivindica en Madrid un modelo de destino baseado na identidade e a autenticidade
O ente publico-privado xestor do Xeodestino da comarca, presentou en fitur a súa campaña “Costa da Morte: donde la tierra habla y el cielo responde”. Arroupados por 13 alcaldes/as da comarca, a presentación correu a cargo de José Manuel López Varela, alcalde da Laracha e presidente da Costa da Morte Asociación Turística (CMAT). “Apostamos por un modelo de turismo respectuoso e sostible, onde a paisaxe, o patrimonio e as persoas van da man”, sinalou.
Durante a súa intervención, o presidente da CMAT destacou que esa “identidade non é un concepto abstracto, senón algo que se constrúe cada día a través da relación das persoas co territorio, da súa historia, da súa cultura e da súa forma de vivir e expresarse. Unha identidade que se percibe na forza da paisaxe, no seu patrimonio, na tradición mariñeira, na gastronomía, na hospitalidade e tamén na maneira de falar e de contar o territorio”.O vídeo principal proxectado durante presentación é unha peza audiovisual que percorre distintos spots emblemáticos da Costa da Morte e que reflicte o territorio desde unha ollada honesta e próxima: coa forza da súa paisaxe, coa súa diversidade natural e patrimonial e, especialmente, coa voz real da súa xente.
Ademais o representante do xeodestino agradeceu expresamente o apoio continuado de Turismo de Galicia e da Deputación da Coruña.
O acto continuou coa presentación do libro “A Costa da Morte. Naturalmente única”, a cargo de Pepe Formoso, vogal da CMAT e presidente da APTCM, unha publicación que recolle e pon en valor a singularidade natural, cultural e paisaxística do territorio. Unha publicación feita desde o territorio para mostrar o mellor do mesmo.
A Deputación pon no foco o eclipse
O vicepresidente da Deputación da Coruña e responsábel de Turismo e Promoción Económica, Xosé Regueira, presentou este xoves o gran proxecto turístico co que a institución acode esta semana á feira internacional FITUR, en Madrid. Trátase dunha proposta singular que toma como eixo central a eclipse solar total do vindeiro 12 de agosto, pero acompañada dunha visión científica e dunha mensaxe que procura tanto atraer visitas como concienciar.
Xosé Regueira puxo en valor a capacidade de atraer visitas do turismo ligado á astronomía, o astroturismo. Fíxoo acompañado de voces autorizadas na materia, como a profesora da USC Begoña Nicolás, docente das áreas de Astronomía e Astrofísica; Yolanda Díaz, presidenta da Asociación de Astroturismo da Costa da Morte; e José Romero, guía especializado en astroturismo da Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas.

O vicepresidente subliñou que a provincia da Coruña será un dos territorios de toda Europa onde mellor se poderá observar un fenómeno que non se vai repetir na nosa xeografía até dentro dun século, que cadrará tamén a poucos minutos da posta de sol, co que haberá practicamente dous ‘solpores’ consecutivos na mesma xornada.
Alén disto, lembrou que a cita cadrará co máximo da chuvia de estrelas das bágoas de San Lourenzo, previsto para a noite do 12 ao 13 de agosto. «Esa noite non vai durmir ninguén», bromeu o responsábel provincial de Turismo, en clave de Destino Starlight, ao tempo que defendeu un modelo turístico onde a calidade prime sobre a cantidade e onde tamén se respecten tanto a identidade como a autenticidade dos territorios.
Camariñas na Gran Vía

Mentres, a Gran Vía madrileña vestíase con encaixe de Camariñas para desfrutar da paisaxe de Trece, Reira e Vilán. O Concello volveu a contratar insercións publicitarias para promocionar o municipio durante esta semana nas grandes pantallas do Teatro Lope de Vega. Este ano tamén levou a pasarela da Mostra, cunha colección de Claudina Mata, a diferentes espazos do centro de Madrid.


