As traballadoras do centro de día de Muros inician unha folga indefinida

Centro de Día de Muros

Este xoves 18, durante toda a xornada, e os seguintes xoves con paróns de 8,00 a 11,00 da maña. Así comeza a folga indefinida dos traballadores e traballadoras temporais de Escolas Infantís, Centros de Maiores e Oficinas da Xunta que xestiona o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

As traballadoras do centro de día de Muros son as primeiras que nos confirman o seu seguemento da folga, para protestar polo interese da Xunta de Galicia en “desmantelar o noso equipo profesional. E o fai no peor momento dunha pandemia na que todas estamos en primeira liña. Así nolo pagan”.

As profesionais explican a situación: “accedimos ao noso posto de traballo polos sistemas selectivos legais que as Administracións estableceron. Fixéronsenos contratos temporais para desempeñar postos de traballo nos que levamos mais de 13 anos. A Xunta comete abuso reiterado con nós nos nosos contratos laborais, e agora, en vez de facer o posible para que os nosos contratos sexan fixos, pretenden botarnos a rúa. Pero a Xunta do señor Feijoo nin escoita nin negocia”, lamentan.

”As Directivas Europeas prohiben o uso abusivo da contratación temporal a que nos vimos sometidas todos estes anos. Contratación temporal á que o Sr. Feijoo non lle quere dar unha solución xusta e ponderada a un problema que eles mesmos xeraron. Na defensa dos nosos postos de traballo, obríganos a colapsar os xulgados (numerosas sentenzas xudiciais nacionais recoñecen o abuso ao que levamos condenadas dende fai máis dunha década) e a facer mobilizacións para poder seguir traballando”, apuntan.

Engaden ademais que “somos un equipo de profesionais cohesionado que coñece a perfección as metodoloxías de traballo, os recursos e características poboacionais deste concello e coñece as persoas maiores e familias que atendemos. E agora, a Xunta de Galicia pretende, despreciando a calidade dos servizos nos Concellos, tirar ao lixo tantos anos de traballo e experiencia”.

”Ante esta situación, na que non nos dan outra saída mais que ir a folga para manter os nosos postos de traballo e os servizos públicos de calidade nos concellos, pedimos as familias a súa solidariedade e recomendamos que dadas as circunstancias non acudan os días de folga ao noso centro de día”, conclúen.