15 centros educativos da Costa da Morte preparan a Barca para a II Gala “Falemos + Galego”
Tralo éxito do ano pasado, cos diferentes certame creativos e a fermosa e emotiva gala común, o proxecto de normalización posto en marcha polos centros de ensino da Costa da Morte continúa en marcha neste 2025. O Falemos + Galego volve con forza, e xa pensa na II Gala, que se desenvolverá o vindeiro 19 de xuño de 2025, ás 10:30 da mañá, no emblemático espazo da Punta da Barca, en Muxía.
Unha iniciativa, paralela á exitosa #Aquítaménsefala, do IES Rafael Dieste da Coruña (que mesmo lle está cambiando o nome ao Dépor, busca promover o orgullo de pertenza á Costa da Morte e fomentar a reflexión e a participación activa na normalización do galego, xerando dinámicas que estimulen o seu uso cotián entre a mocidade.
Este ano, son 15 os centros organanizadores, comezando polo anfitrión, o IES Ramón Caamaño (Muxía), e continuando polos IES Fernando Blanco (Cee), o IES Agra de Raíces (Cee), o CPR Manuela Rial Mouzo (Cee), o CPI A Picota (Mazaricos), o IES Lamas de Castelo (Carnota), o IES Fin do Camiño (Fisterra), o CPR Nosa Señora do Carme (Fisterra), o IES Maximino Romero de Lema (Baio), o IES Terra de Soneira (Vimianzo), o IES Pedra da Aguia (A Ponte do Porto), o IES Isidro Parga Pondal (Carballo), o IES Eduardo Pondal (Ponteceso), o CPI As Revoltas (Cabana) e o IES Urbano Lugrís (Malpica).
Ao igual que na súa primeira edición, o acto centrará a atención na resolución do concurso convocado entre o alumnado, que incluíu a creación dun lema, un logo e un vídeo en defensa da lingua galega. Esta gala supón a culminación dun proxecto colectivo desenvolvido desde o pasado mes de novembro en distintos centros da comarca que imparten ESO, Bacharelato e Formación Profesional.
A gala contará con actuacións musicais en directo, tanto de grupos profesionais como de alumnado dos centros participantes, converténdose nunha festa colectiva en defensa da lingua e da identidade da comarca.
Durante o acto tamén se agradecerá expresamente o apoio das institucións que fan posible esta celebración: a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, o CFR da Coruña, a Deputación da Coruña e o Concello de Muxía.