Mércores. 23.10.2024
El tiempo

Preto dun milleiro de estudantes defenden o uso do galego na festa do “Falemos + galego”

Premio na Gala Falemos mais galego-Foto-Rafa Quintans
Recollendo un dos premios na Gala Falemos + Galego-Foto-Rafa Quintáns
Preto dun milleiro de estudantes defenden o uso do galego na festa do “Falemos + galego”

Para a historia queda esta primeira edición da campaña “Falemos + Galego”. A iniciativa normalizadora botada a andar por 13 centros de ensino da Costa da Morte chegaba ao seu cumio coa Gala, convertida en festival de música galega contemporánea celebrado esa mañá de xoves 20 de xuño.

Gala Falemos mais galego-Foto-Rafa Quintans
Foto-Rafa Quintáns
Maria Lado e Xurxo Souto na Gala Falemos mais galego-Foto-Rafa Quintans
Maria Lado e Xurxo Souto  dirixiron a gala-Foto-Rafa Quintans

Baixo un orballo “pertinaz”, como o cualificou Xurxo Souto, preto dun milleiro de estudantes de toda a comarca berráronse ben alto o “Falemos + Galego”. Souto e a ceense María Lado presentaban a Gala de celebración desta festa de toda a comunidade educativa, cos certames en xogo, e a música de Antía Muíño, Malleira e Caamaño & Ameixeiras como momentos singulares.

Interviron ao comezo a Deputada de Igualdade e Lingua, Soledad Agra, que defendeu durante a súa intervención “o orgullo de contar cunha lingua propia” ante o alumnado dos 14 centros educativos da Costa da Morte que promoveron a campaña, afirmando tamén que “é unha sorte estar hoxe aquí diante de tanta xente moza e nun territorio como a Costa da Morte, cunha identidade tan marcada e cunha forma de fala tan peculiar e definida”.

Música é poder

Malleira na Gala Falemos mais galego-Foto-Rafa Quintans
Malleira no escenario-Foto-Rafa Quintáns

A xornada matutina foi un auténtico festival de música galega contemporánea, que compaxinou o talento local coas mulleres máis potentes da escena actual galega.

De primeiro destacaron os novos talentos nos centros de secundaria da Costa da Morte, como Aroa Sendón do IES Terra de Soneira (Vimianzo) e o grupo Malleira do IES Agra de Raíces (Cee).

Tremendamente valorable a presenza de tres mulleres con acento costeiro que están rompendo no panorama galego, estatal e internacional. A calidade, interpretación e proxección artística da zaseira Antía Muíño e do dúo Caamaño & Ameixeiras (Antía Ameixeiras é media de Baio e medio de Soesto), deleitaron ao público ademais de coas súas propostas singulares, cunha actuación extra en conxunto que quedará para a historia.

Rematou a Gala co público cantando a “Oda ao Futbolín”, da man do eterno Xurxo Souto, un tema mítico da xeración Xabarín que tamén se exporta á rapazada máis actual.

Caamano Ameixeiras e Antia Muino na Gala Falemos mais galego-Foto-Rafa Quintans
Momento histórico, con Caamaño& Ameixeiras e Antía Muíño tocando xuntas-Foto-Rafa Quintáns

Os Premios

Só compre darlle os meirandes parabéns aos 13 centros implicados nesta campaña:

  • IES Lamas de Castelo (Carnota),
  • CPI Plurilingüe A Picota (Mazaricos),
  • IES Fernando Blanco (Cee),
  • IES Agra de Raíces (Cee),
  • IES Fin do Camiño (Fisterra),
  • CPR Nosa Sra. do Carme (Fisterra),
  • IES Ramón Caamaño (Muxía),
  • IES Terra de Soneira (Vimianzo),
  • IES Pedra da Aguia (A Ponte do Porto – Camariñas),
  • IES Maximino Romero Lema (Baio-Zas),
  • CPI de Zas,
  • CPI Plurilingüe Cabo da Area (Laxe) e
  • IES Eduardo Pondal (Ponteceso)

Comentarios