O BNG muxián pide un plan de mantemento de vías

A voceira do BNG muxián, Mercé Barrientos, á dereita xunto á deputada provincial encargada de Plans da Deputación, Cristina García Rey

O BNG de Muxía vén de solicitar ao goberno local que utilice o diñeiro dispoñible do Plan de Obras e Servizos (POS) Adicional 4 da Deputación para acometer unha serie de actuacións no municipio, como "un plan de limpeza e mantemento de vías, a posta en valor de bens patrimoniais ou a creación de prazas de aparcamento para persoas con mobilidade reducida".

A formación nacionalista sinalou que no pasado pleno de outubro o equipo de goberno destinou 62.000 euros do POS Adicional para poder abordar gastos correntes, quedando dispoñibles desa achega da Deputación 187.900 euros para proxectos.

A portavoz municipal do BNG, Mercé Barrientos, tras manter conversas co alcalde Javier Sar, manifestou que “é obvio que as estradas de titularidade municipal de Muxía precisan de actuacións urxentes: é imprescindible afrontar canto antes un plan integral de mantemento e rebacheo que repare moitas das estradas deterioradas por anos de abandono, incidindo de xeito especial nalgunhas que están peor como en Vilachán”. Tamén incidiu en que sería urxente acometer pequenas obras que solucionarían problemas da veciñanza, e que levan anos esperando, como nos lugares de Alberguería, Leis e Bardullas.

Así mesmo, Barrientos advertiu do estado das cunetas que "están cheas de broza e restos de polas". “As rozas feitas sen retirar os restos provocaron en moitos casos obstrucións das canalizacións e tubos das cunetas, ademais de acumulacións de auga na calzada”, subliñou a voceira do BNG, que engadiu que “as balsas de auga nas vías supoñen un risco grave para a seguridade dos vehículos, mais tamén un auténtico perigo para a veciñanza que transita a pé, visitantes e peregrinos; ademais, as correntes de auga aceleran o deterioro do firme, como sucede no acceso á praia de Area Maior ou na estrada desta á Chorente, nas que o Rego da Viña inundou as cunetas e o acceso durante anos, arruinándoo”.

A portavoz nacionalista aproveitou para reclamar que se inclúan nesta achega da Deputación proxectos aprobados polo pleno da corporación que levan xa máis dun ano sen ser executados. Entre eles, o pintado de prazas de aparcamento para persoas con mobilidade reducida. Cónstalle á concelleira que xa existe un informe elaborado polos servizos municipais sobre a situación das mesmas, e lembrou que sería conveniente incluír na sinalización horizontal os pasos de peóns, as zonas de estacionamento reservado para usuarios das farmacias, e prazas de carga e descarga que faciliten os traballos de aprovisionamento do comercio local. 

Conservación de bens patrimoniais

Por último, Mercé Barrientos tamén comentou co rexedor de Muxía a publicación dunha subvención da Deputación para mantemento e conservación do patrimonio, na que se poderían incluír actuacións de posta en valor e sinalización de bens patrimoniais do municipio, como fontes e lavadoiros e os poxados do río Castro, que permitían o paso a pé entre lugares, atravesando o río Castro en varios puntos do concello como Sorna, Caberta ou Mintiráns, e que a concelleira visitou co deputado de Patrimonio da Deputación, Xosé Penas.