Graciela Iturbide protagoniza a Galería de Mulleres do mes de xullo
A Galería de Mulleres da Biblioteca Municipal de Muxía deste mes de xullo está adicada a Graciela Iturbide; fotógrafa nada na Ciudad de México, en 1942, e Premio Princesa de Asturias das Artes 2025.
Considerada unha das mellores fotógrafas contemporáneas de América Latina. En 1969 ingresa no Centro Universitario de Estudos Cinematográficos da Universidade Autónoma de México e alí séntese atraída pola arte da fotografía a través de Manuel Álvarez Bravo; de 1970-71 traballou como a súa axudante, acompañándoo en viaxes a través de México.
Logo ela viaxou por distintas partes do mundo, fotografando aos pobos orixinarios. En 1978 Iturbide foi comisionada polo Arquivo Etnográfico do Instituto Nacional Indigenista de México para documentar a poboación indíxena do país. En 1979 foi convidada polo artista Francisco Toledo a fotografar o pobo de Juchitán, o cal forma parte da cultura zapoteca en Oaxaca, no sueste mexicano. Entre 1980 e 2000, Iturbide foi convidada a traballar en Cuba, Alemaña Oriental, India, Madagascar, Hungría, París e os Estados Unidos, producindo un importante número de traballos. Expuxo individualmente en lugares tan importantes como o Centre Pompidou (1982), San Francisco Museum of Modern Art (1990), Philadelphia Museum of Art (1997), Paul Getty Museum (2007), Fundación MAPFRE, Madrid (2009), Photography Museum Winterthur (2009) e Barbican Art Gallery (2012), entre outros.
Recibiu os premios: W. Eugene Smith Memorial Foundation, 1987; o Grand Prize Mois da Photo, Paris, 1988; a Guggenheim Fellowship polo proxecto ‘Festa e Morte’, 1988; o Hugo Erfurth Award, Leverkusen, Alemaña, 1989; o International Grand Prize, Hokkaido, Xapón, 1990; o premio Rencontres Internationales da Photographie, Arles, 1991; o premio Hasselblad, 2008; o Premio Nacional de Ciencias e Artes, Ciudad de México, 2008; Doutora honoris causa en Fotografía polo Columbia College Chicago en 2008; e Doutora honoris causa en Artes polo San Francisco Art Institute en 2009.
Como fotógrafa documental, Iturbide transforma a observación ordinaria en arte poderosa e provocativa. Intégrase ás comunidades que fotografía, cunha gran sensibilidade. Foxe dos estereotipos que se adoitan usar para caracterizar a México, creando, por contra, imaxes transgresoras e moi poéticas en branco e negro. Mostra ás comunidades orixinarias desde un punto de vista inusitado. Son obras hipnóticas entre a realidade e o onírico, ás veces atravesadas por unha enorme sensación de dor. Iturbide dános a oportunidade de experimentar o seu país – e outros- a través dos seus ollos.
“A fotografía para min é un ritual. Saír coa cámara, observar, fotografar os aspectos máis mitolóxicos das persoas, logo ir á escuridade, desenvolverse, seleccionar as imaxes máis simbólicas ".