Os maiores de Muxía Actívanse polas parroquias
O Concello de Muxía presenta unha nova edición do programa ACTIVA-T 2026, unha iniciativa dirixida a persoas maiores de 65 anos e cofinanciada pola Deputación da Coruña, que ten como obxectivo principal promover o envellecemento activo, a participación social e o benestar da veciñanza.
O programa desenvolverase en parroquias como Os Muíños, Quintáns, Nemiña, Suxo, Senande, entre outras, levando actividades a distintos puntos do concello.
Tras a boa acollida da pasada edición, repítese o obradoiro de xardinería, e como principal novidade desta edición, e atendendo a unha demanda reiterada pola veciñanza, incorpórase o obradoiro de debuxo.
O prazo de inscrición comeza mañá, día 15 de xaneiro, e as clases darán comezo o 1 de febreiro. Ao longo do ano manteranse tamén actividades xa consolidadas como o curso de memoria, a ximnasia, así como futuros obradoiros de xardinería e manualidades.
Moción sobre o mar
Ante a posta en marcha do novo regulamento de control imposto pola UE, o Partido Popular de Muxía presentará no vindeiro pleno municipal unha moción en defensa do sector do mar, sumándose á iniciativa impulsada polo Partido Popular de Galicia para protexer un sector estratéxico e esencial para a economía, o emprego e a identidade do noso concello.
Desde o PP de Muxía destacan que o sector do mar é unha prioridade absoluta. Por este motivo, consideran imprescindible que as administracións públicas defendan con firmeza os intereses dos profesionais do mar fronte a decisións que poidan poñer en risco o seu futuro. A portavoz municipal do PP de Muxía, Sandra Vilela, sinalou que “Muxía non se entende sen o mar, sen a pesca, sen o marisqueo nin sen todas as actividades vinculadas ao sector marítimo-pesqueiro”