Unha muller falece tras caer nun pozo en Añobres

Lugar de Añobres tralo suceso
Rescatan unha muller á que lle quedara o brazo atrapado nunha máquina de moer millo

Acontecía esta noite de sábado, pasadas as 21:30h, cando unha muller caía no interior dun pozo da súa vivenda no lugar de Añobres, Muxía. De contado Protección Civil, Policía Local, 061, Garda Civil e os Bombeiros de Cee trasladábanse ata o lugar pero só podían confirmar que o corpo flotaba sobre a auga a uns 5-7 metros de altura.

Tiveron que agardar ata as 0:00h a que chegase a Autoridade Xudicial para proceder ao levantamento do corpo. Bombeiros e Protección Civil metían tres liñas de rescate, unha para o bombeiro, outra de seguridade e unha para o corpo, para recuperar o corpo e entregalo á Policía xudicial e o xuiz.

Rescate

Durante a tarde, arredor das 14:30h, os Bombeiros de Cee tamén tiveron que achegarse ao lugar de Sanfíns, Cambeda (Vimianzo), para rescatar unha muller á que lle quedara o brazo atrapado nunha máquina de moer o millo. Presuntamente sucedía por levar algo de roupa solta, provocando que o eixe da máquina atrapouna e xirou levando o brazo con ela.

Bombeiros de Cee, sanitarios, Policía Local de Vimianzo e a Garda Civil de Vimianzo, conseguían ir liberando o brazo da muller. A muller foi trasladada o Hospital Virxe da Xunqueira xa que o Helicoptero non puido saír polo mal tempo.