Muxía presenta a segunda edición de “Muxía Itinerante”, a aposta por levar a cultura ás parroquias
O Concello de Muxía presenta a segunda edición de Muxía Itinerante, unha iniciativa integrada dentro do programa Muxía Cultural que o concello desenrola xunto con Horta Creativa.
Tras o éxito da súa primeira edición, Muxía Itinerante regresa cunha programación que percorrerá distintos puntos da xeografía muxiá entre os meses de xuño e setembro, consolidándose como unha das grandes apostas municipais para descentralizar a actividade cultural e poñer en valor o territorio.
O alcalde de Muxía, Javier Sar, destacou que “este programa representa perfectamente a filosofía coa que traballamos desde o Concello: facer que as oportunidades, a cultura e a actividade cheguen a todos os lugares do municipio. Queremos que cada parroquia sexa protagonista e que os veciños e veciñas sintan que forman parte dunha programación pensada para todo Muxía”.
Pola súa banda, a tenente de alcalde e concelleira de Cultura, Sandra Vilela, puxo o foco na importancia de achegar a programación ao rural. “Desde a Concellería de Cultura sempre defendemos que a cultura non pode quedar concentrada nun único punto do municipio".
Entre as actividades programadas destaca o regreso do Feirón de Senande, unha das propostas máis exitosas da pasada edición. A iniciativa combinará artesanía, gastronomía, obradoiros e concertos arredor dunha feira histórica que forma parte da identidade do municipio.
“Senande representa perfectamente o que buscamos con este programa. Falamos dunha feira que forma parte do ADN muxián e que queremos preservar, promocionar e dinamizar. O noso obxectivo é que siga medrando ata converterse nunha cita obrigada dentro do calendario anual de Muxía”, explicou Sandra Vilela.
Outra das citas destacadas será A Onda de Nemiña, unha xornada que unirá deporte, música e praia nun enclave recoñecido internacionalmente polo surf. O Concello pretende seguir poñendo en valor unha das súas localizacións máis emblemáticas e potenciar todo o que representa para a imaxe e a proxección exterior do municipio.
A programación inclúe tamén O Ceo dende Touriñán, unha actividade de divulgación astronómica guiada polo científico Jorge Mira. Os participantes poderán descubrir os segredos do firmamento desde un dos puntos máis singulares da Costa da Morte e contemplar un fenómeno único: o último solpor da Europa continental.
O programa contará ademais cun roteiro por Moraime da man do escritor e divulgador Xan Fernández Carrera, que dará a coñecer a historia, o patrimonio e as singularidades dun dos espazos máis representativos do concello.
A programación completarase con representacións teatrais e monólogos en Quintáns, Suxo, Merexo e Os Muíños, ampliando a oferta cultural por diferentes parroquias e reforzando o principal obxectivo do proxecto: facer da cultura unha ferramenta de cohesión territorial e participación veciñal.