O congro de Muxía puido secar ao sol de setembro

Ao longo desta soleada semana a vila de Muxía lucía un aspecto fermoso. O sol que nos deixou este setembro permitiu que as dúas familias que aínda traballan o congro, boten a secar as grandes pezas.

Engalanados cos congros estirados, secando ao vento do mar (como se chama unha máis recomendable documental sobre a familia Diz), os dous secadoiros do congro da vila da Barca demostran que aínda hai vida.

Houbo un tempo no que só se mantivo o da cara norte, pero o pasado ano revivía o secadoiro da cara sur de Muxía, na estrada cara o santuario. Cóntannos como é o duro traballo, i é que o tempo é o que decide cando poden botalos a secar. Este mes de setembro permitíu que as dúas familias o botasen a secar, pero a cousa non é tan sinxela. Cada noite teñen que recollelos, e como se meta unha néboa ou a chuviscar, veña ao choio.

E non dicimos nada do traballo para limpalo... Podedes botar un ollo na documental "Secando ao vento do mar" para comprobalo.

A verdade é que a xente da zona non gusta moito do congro a pesar de que cando se celebra por semana santa a Festa do Congro todo o mundo o proba. Pero historicamente este produto lévase cara a zona de La Rioja, Aragón...

A vida nos secadoiros de congro danlle á vila da Barca un simbolismo especial, que esperemos non se perdan, a pesar de todo o traballo que conlevan e de que que a xente da zona non o disfrute.

Máis información