O Porto Deportivo de Muxía abre polo verán

Tralo acordo asinado a pasada semana entre Portos e Cataventos, dende hoxe o porto deportivo muxián ofrece os servizos propios dunha infraestrutura que pode convertirse nun importante revulsivo turístico. E o fai despois de varios anos de inoperatividade desta infraestrutura, executada a principios de 2009.

Así o entenden os responsables da empresa e de Portos, afirmando que a posta en marcha das instalacións náutico recreativas de Muxía suporán un "impulso á captación de tránsitos marítimos para a Costa da Morte, dende Muxía".

Ademais, o organismo portuario vén de baixar as taxas aos usuarios para potenciar unha maior actividade nos peiraos. “Por un lado baixamos un 2,5% a tarifa X-5, que se aplica ás embarcacións deportivas e por outro sumarase a rebaixa que as empresas concesionarias decidan repercutir aos seus clientes pola baixada que Portos lle aplicará tamén a eles. Así pois, sumadas as dúas reduccións os usuarios de embarcacións de recreo terían un aforro estimado do 9%”, explicou o presidente de Portos.

Entre as súas funcións, Cataventos prestará os servizos básicos de luz e auga aos usuarios e porá á súa disposición a dous mariñeiros, un a xornada completa e outro a media xornada. Así mesmo instalará unha caseta para oficinas, vestiario, duchas e aseos e un equipo de recollida de augas sucias provintes de embarcacións para a súa retirada do porto e tratamento nun xestor autorizado. Tamén lle corresponderá executar a limpeza dos pantaláns previa á entrada en funcionamento e mentres estea vixente o contrato.
Ademais a empresa asumirá a promoción das instalacións a través do impulso a actividades náuticas e da súa publicidade externa. Deste xeito, a empresa desenvolverá accións públicas para dar a coñecer as instalacións no exterior e promover así os tránsitos, ademáis de promocionar o peirao nas redes sociais ou a través doutros medios de difusión.

Novas relacionadas

Fonte

  • Xunta.