Domingo. 05.05.2024
El tiempo

Cataventos xestionará o Porto deportivo de Muxía durante o verán

Cataventos xestionará o Porto deportivo de Muxía durante o verán
Noemi Bermudez e Marcos Trillo de Cataventos asinando o contrato co presidente de Portos de Galicia para a concesion do porto deportivo de Muxia

Non hai moito recibíamos críticas polo abandono na xesión do porto deportivo de Muxía. Parece que o asunto ten solución, trala cesión por parte de Portos de Galicia da xestión temporal do porto deportivo de Muxía á empresa corcubionesa Cataventos, promotora de diversas actividades náuticas na Costa da Morte, a través dun contrato de prestación de servizos vixente entre o 15 de xuño e o 15 de setembro..

A empresa encargarase dende este momento da xestión do conxunto das instalacións. Entre as súas funcións, prestará os servizos básicos de luz e auga aos usuarios e porá á súa disposición a dous mariñeiros, un a xornada completa e outro a media xornada. Así mesmo instalará unha caseta para oficinas, vestiario, duchas e aseos e un equipo de recollida de augas sucias provintes de embarcacións para a súa retirada do porto e tratamento nun xestor autorizado. Tamén lle corresponderá executar a limpeza dos pantaláns previa á entrada en funcionamento e mentres estea vixente o contrato.

Finalmente, Cataventos asumirá a promoción das instalacións a través do impulso a actividades náuticas e da súa publicidade externa. Deste xeito, a empresa desenvolverá accións públicas para dar a coñecer as instalacións no exterior e promover así os tránsitos, ademáis de promocionar o peirao nas redes sociais ou a través doutros medios de difusión.

O contrato temporal desenvolverase en paralelo e sen perxuizo da continuidade da tramitación do concurso público posto en marcha por portos de Galicia para o outorgamento da concesión para a xestión do porto deportivo de Muxía polos próximos 10 anos.

Novas relacionadas

Fonte

  • Xunta.

Comentarios