Piden bonificacións para familias vulnerables nas taxas do programa de conciliación muxián

Mercé Barrrientos, con Carme Adán

 O BNG de Muxía vén de presentar este mércores 7 de xaneiro alegacións á ordenanza municipal de prezos públicos para actividades de conciliación (ConcilaMux), aprobada pola Xunta de Goberno Local o 10 de decembro de 2025 e publicada no BOP o día 15 do mesmo mes. Os nacionalistas presentaron alegacións pedindo a nulidade por non cumprir co obrigatorio indicado na Lei 7/1985 Reguladora das Bases do Réxime Local, que establece un período de trinta días para a presentación de reclamacións e suxestións.

A formación nacionalista solicita que se someta a exposición pública a citada ordenanza previamente á súa publicación definitiva, deixando sen efecto a ordenanza publicada no BOP, e ademais propón que o documento recolla unha serie de bonificacións sobre o prezo público para familias que presenten vulnerabilidade social e económica:

  • a) Bonificación do 75% cando a renda per cápita anual da unidade familiar sexa igual ou inferior ao 50% do IPREM anual.
  • b) Bonificación do 50% cando a renda per cápita anual da unidade familiar sexa igual ou inferior ao 75% do IPREM anual ou no caso de familias monoparentais ou monomarentais.
  • d) Bonificacións para o segundo e sucesivos irmáns/ás usuarios/as do servizo e no caso de familias numerosas.
  • e) A emisión de informe do departamento municipal de Servizos Sociais que indique a necesidade do servizo e a falta de posibilidades económicas da unidade familiar determinará unha bonificación do 95% da cota.

Os nacionalistas insistiron en que “a ordenanza foi elaborada pola Xunta de Goberno Local, e logo os concelleiros ou concelleiras teñen a potestade de presentar alegacións en beneficio da veciñanza, o que fixo o BNG a través da concelleira Mercé Barrientos”.