A Punta da Barca acolle este xoves a segunda edición do Festival Falemos + Galego
Este xoves a punta da Barca acollerá a segunda edición do Festival Falemos + Galego. A iniciativa normalizadora, artellada entre 15 centros educativos da comarca, colle o relevo da exitosa campaña #Aquítaménsefala, que viviu o pasado venres o seu gran festival de música galega contemporánea, e prepara unha cita semellante, que segue afondando na necesidade de promover o orgullo de pertenza á Costa da Morte e fomentar a reflexión e a participación activa na normalización do galego.
Este ano o IES Ramón Caamaño é o anfitrión e o encargado de preparar a Gala final, que estará presentada por Lupe Blanco, a máxica regueifeira de Bergantiños.
Ademais da entrega de premios dos concurso de vídeo e logo e lema (no que participamos como xurado, por certo, e corroboramos que hai moito nivel), o festival contará con 3 bandas emerxentes. Abrirán Ulex, a novísima banda de punk compostelá que vén de triunfar precusamente no Aquí tamén se fala.
De seguido tocará a banda ceense Malleira, que xa participou na primeira edición.
Pechará a cita, reivincando o poder tradicional da nosa comarca, o Grupo Folk da Escola de Música de Cee.
Centros Organizadores
Este ano, son 15 os centros organizadores, comezando polo anfitrión, o IES Ramón Caamaño (Muxía), e continuando polos IES Fernando Blanco (Cee), o IES Agra de Raíces (Cee), o CPR Manuela Rial Mouzo (Cee), o CPI A Picota (Mazaricos), o IES Lamas de Castelo (Carnota), o IES Fin do Camiño (Fisterra), o CPR Nosa Señora do Carme (Fisterra), o IES Maximino Romero de Lema (Baio), o IES Terra de Soneira (Vimianzo), o IES Pedra da Aguia (A Ponte do Porto), o IES Isidro Parga Pondal (Carballo), o IES Eduardo Pondal (Ponteceso), o CPI As Revoltas (Cabana) e o IES Urbano Lugrís (Malpica).