88 pilotos baten marcas de participación no Autocross de Carballo
Mentres o sector do motor revisa a mobilidade eléctrica no Fórum, Carballo tamén acende os motores para o XXII Autocross Carballo. A proba reunirá este sábado 6 de xuño a 88 pilotos no circuíto municipal, superando as mellores marcas. A proba, organizada polo Club Rally Coruña en colaboración coa Federación Galega de Automobilismo (FGA), servirá para estrear unha importante mellora técnica no circuito municipal
O evento perfílase como un espectáculo único, que reunirá corredores e corredoras das seguintes categorías:
- Clase I: Turismos de serie (Series)
- Clase II: Turismos
- Clase III: Carcross
- Clase IV: Superturismos (SCC)
- Clase V: Junior Carcross
- Clase VI: Super Buggy
- Copas de Escuderías e o 3º Trofeo MRF Autocross Carcross
A xornada do sábado caracterizarase por unha actividade frenética no circuíto, sen pausas intermedias, para garantir a máxima emoción de afeccionados e participantes. Tras as verificacións administrativas e técnicas obrigatorias que comezarán a primeira hora da mañá (07:15 h), a competición oficial arrincará na pista conforme aos seguintes horarios:
- 10:30 h: Warm-up
- 11:30 h: Adestramentos oficiais
- 15:00 h: Primeira manga clasificatoria
- 16:30 h: Segunda manga clasificatoria
- 17:50 h: Finais B
- 18:00 h: Final A
- 19:45 h: Cerimonia oficial de entrega de premios e trofeos
Ademais da competición pura, esta edición xera unha gran expectación técnica. Ernesto Rumbo, presidente do Club Rally Coruña, destacou que a proba servirá como test definitivo para o novo pavimento da pista, composto por xabre. Este material promete mellorar a tracción e as condicións de pilotaxe, engadindo un factor extra de interese para os equipos.