Entradas de balonmán que limpan cuíños

Alberto Gómez (E.B. Xiria), Iván Andrade (E.B. Xiria), Matilde Anido (Cruz Vermella), Amparo Ceniceros (E.B. Xiria) e Ana Veira (Cruz Vermella)

Deporte e solidariedade forman unha combinación perfecta. Así o corrobora o convenio que une a Cruz Vermella de Carballo e ás Escolas Balonmán Xiria durante estes últimos 6 anos. Un convenio do que fixeron balance esta semana os responsables de ambas entidades.

Unha das accións máis importantes é que a recadación das entradas dos equipos senior femenino e masculino, Goldie Xiria e Calvo Xiria, son doadas integramente á Cruz Vermella. En total foron 1.229€ os recadados neste 2016, a cifra maior acadada ata o momento, que reflexa ademais a boa tempada que levaron a cabo os equipos, enchendo en numerosas ocasións o pavillón Vila de Noia. Asimesmo, as campañas promovidas polas Escolas Balonmán Xiria, como “tráete un amigo ao partido” para os socios e socias, favoreceron a recadación.

Esta doazón foi destinada a adquirir elementos de hixiene infantil (57 paquetes de cueiros, 52 toalliñas húmidas, 15 xeles e champú, 15 locións corporais e hidratantes) que se sumaron ás entregas destes produtos que regularmente leva a cabo a ONG entre 52 familias con bebés en risco de exclusión social do concello de Carballo. Estas axudas de emerxencia compleméntanse con outros proxectos destinados a defender os dereitos de tódalas persoas, así como buscar solucións a medio prazo para que poidan sair adiante por elas mesmas, fundamentalmente a través do apoio na búsqueda de emprego.

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).