Os vimianceses Yago Rellán e Nico Soto brillaron no Campionato de España de Tiro con Arco en Sala

Yago Rellán e Nico Soto

Esta fin de semana celebrouse en Valladolid o Campionato de España de Tiro con Arco en Sala, no que participaron dúas novas promesas do club vimiancés Dousxsetenta, Yago Rellán e Nico Soto. Acompañados polo adestrador, Víctor Santos, ambos os dous arqueiros desempeñaron un papel de gran nivel na competición.

Esta tarde serán recibidos polos demais integrantes do club con gran agarimo e admiración no primeiro adestramento tras o campionato.

A pesar de que Nico Soto non logrou superar o corte para as eliminatorias, a súa participación no torneo reflectiu o compromiso e a entrega que caracteriza ao club. Pola súa parte, Yago Rellán conseguiu clasificarse no posto 32 na competición individual, un logro que demostra a súa proxección neste deporte. Finalmente, caeu contra Rodrigo Palomo, actual plusmarquista español Sub15 e subcampión de España.

Ademais da súa actuación individual, Yago foi un dos representantes de Galicia na categoría por equipos Sub15 masculina. A selección galega logrou vencer en cuartos de final a Castela e León, asegurándose un posto en semifinais. Porén, nun enfrontamento moi igualado, perderon ante Baleares, quedando ás portas da final. O domingo tiveron o duelo polo terceiro ou cuarto posto contra Andalucía, logrando, finalmente, traer con eles unha moi ansiada medalla de bronce. Yago Rellán aproveitou o duelo para tomar o desquite e vencer a Palomo.