venres. 31.07.2026
El tiempo

Nicolás Soto, campión de España Sub15 por equipos mixtos coa selección galega

Nio Soto campion Espana Tiro con Arco
Nico Soto e Uxía Goyanes celebrando o título estatal
Nicolás Soto, campión de España Sub15 por equipos mixtos coa selección galega

O arqueiro vimiancés do Club Dousxsetenta, Nicolás Soto, acaba de proclamarse campión de España por equipos mixtos na categoría Sub15, formando parella con Uxía Goyanes, do Club Arqueiros de Cambre, e representando á selección galega no Campionato de España que se está a disputar en Madrid.

A parella galega completou un percorrido impecable na fase eliminatoria. Nos cuartos de final, Galicia impúxose con autoridade a Navarra por un contundente 6-0. Na semifinal agardaba Madrid, nun enfrontamento moito máis igualado que os galegos resolveron por 5-4. Na gran final, Nico e Uxía volveron ofrecer un gran nivel para superar a Andalucía por 5-1 e conquistar o título nacional.

Durante esta competición por equipos mixtos, Nico e Uxía contaron tamén co apoio de Yago Rellán, compañeiro de club de Nico e tamén integrante da selección galega, que exerceu como capitán do equipo.
Na competición individual, tanto Nico coma Yago realizaron tamén un excelente papel. Ambos completaron un gran round clasificatorio e foron avanzando nas eliminatorias deixando atrás aos seus rivais.
Yago rematou finalmente na sexta posición, despois de alcanzar os cuartos de final, mentres que Nico chegou ata a loita pola medalla de bronce, quedándose ás portas do podio cunha magnífica cuarta posición. Dous resultados que confirman o gran nivel dos dous arqueiros vimianceses nesta cita nacional.

TIRO CON ARCO NICO

A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, destacou que "é unha inmensa satisfacción ver como deportistas do noso concello acadan éxitos deste nivel e levan o nome de Vimianzo por toda España. Son un orgullo para toda a veciñanza e un exemplo de constancia, traballo e superación para a mocidade".

O Campionato de España aínda continúa e Nicolás Soto e Yago Rellán volverán competir coa selección galega na proba por equipos masculinos Sub15, xunto con Dani Méndez, do club Flechas por un Tubo de Ponteceso, formando un equipo integrado polos tres representantes da Costa da Morte nesta categoría.

Comentarios