Alana lanza "Un saber", o seu segundo disco que homenaxea en clave tradi, ás pandereteiras
Xa está en todas as plataformas dixitais o novo disco da banda Alana. O trío musical galego, estña formado por Antía Vázquez (Oleiros), Eloy Vidal (Ponteceso) e o vimiancés Pablo Castro, veñen de lanzar "Un saber", o seu segundo traballo discográfico, no que explora os ritmos da nosa tradición oral, coa súa característica base electrónica e pop, nun disco de evolución e madurez, ritmicamente diverso, para bailar, cantar, gozar e... emocionar.
Un saber (título que fai referencia ao saber popular das señoras) conta coas colaboracións de Pan.Sen.Fron, Guillerme Fernández, Casapalma, Galician Army, Charanga Benofán, Andrés Boutureira e Bieito Pereira, mentres que a posta en escena corre a cargo das escenógrafas e iluminadoras As dúas e punto.
Despois de lanzar o adianto Vilardevós, "Un saber" chega con 15 temas cargados de enerxía e tradición. “Desde o noso primeiro disco, houbo moitos cambios en nós, tanto a nivel profesional como a nivel persoal, e pensamos que o disco reflexa este cambio. Pero é, tamén, unha continuación: queremos que sexa un disco que transmita o ben que o pasamos facendo música; un disco para bailar, cantar, gozar e, se cabe, emocionar”.
“O libro publicado por Beatriz Busto Miramontes, Pandereteiras de Mens, fala de como Prudencia, Asunción, Manuela, Adela e Teresa –e, como elas, tantas mulleres no noso país–, non tiñan unha «conciencia directa de que detrás da práctica de tocar a pandeireta, cantar e bailar houbese un saber musical». Para elas a música eran esas charangas ou murgas, pensaban que o seu non constituía un ’saber’ en si mesmo, e de aí o nome do disco”.
A Sala Capitol de Compostela acollerá o concerto de presentación deste novo disco de Alana o sábado, 18 de abril, ás 21.30h, coas últimas entradas aínda dispoñibles aquí.