As Croas de Niñóns: novo exemplo de vangarda arqueolóxica dende a Costa da Morte

Segue a ser a Costa da Morte exemplo de vangarda galega en materia de arqueoloxía social. Tralos excelentes resultados, tanto científicos como sociais, do proxecto Castro de Mallou e da Torre dos Mouros en Carnota, é agora Ponteceso, trala positiva experiencia internacional cos Vieiros de Titania, o que toma o relevo desta revolución arqueolóxica que devolve o patrimonio ás mans da cidadanía.

Falamos do proxecto Croas de Niñóns, que trata de recuperar e preservar o castro con ese nome no concello pontecesán. Detrás do proxecto están, para variar, os creadores de Herdeiros pola forza, o arqueológo Xurzo Ayán e o xornalista e divulgador cultural Manuel Gago, que así nos animan a participar este sábado 14 de setembro na primeira xornada de voluntariado, para determinar onde se atopa á entrada ao castro:

Un proxecto de recuperación cultural integral

Como vedes, As Croas de Niñóns é un paradigmático recinto castrexo no que o sistema defensivo chegou ata hoxe con parte do seu antigo esplendor. Deste xeito a intención é ir recuperando as partes esquecidas da nosa historia durante a Idade de Ferro, na fronteira entre os "nerios" e os "ártabros".

E para levalo acabo, teñen que participar todos, e máis que ninguén, os maiores do lugar. De feito, os canteiros de Niñóns, Brántuas e Os Ánxeles xa están a facer de "cartógrafos da memoria", e boa proba da implicación da veciñanza no proxecto o puidemos ver o día da presentación, o pasado día 1, cun cheo total no local social de Brantuas-Niñóns.

Inscrición

Nestes días as brigadas do Concello pontecesán, con Xurxo Ayán de director de orquestra, xa están desbrozando o terreo. Pero o gran traballo de excavación realizarase a partir do sábado 14 de setembro.
Así, se queredes traballar man a man con profesionais e botar unha man na recuperación deste castro, se queredes "espir o castro", xa vos podedes inscribir para colaborar no proxecto. As xornadas de voluntariado comezarán o 14 e rematarán o 28 de setembro.

Máis información

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).