O Couto Florido, exemplo en Grecia da revitalización rural

A veciñanza, coma sempre protagonista no Couto, tamén no Couto Florido
Hai apenas unha semana a Xunta recoñecía o gran impacto do proxecto O Couto Florido. Esta iniciativa innovadora, desenvolta pola Fundación Juana de Vega e a Fundación Eduardo Pondal, vén de darlle unha identidade floral a unha aldea máxica, brava, auténtica. E vai ter percorrido, como o demostra o feito de vai atravesar o continente para ser presentado como caso de éxito en intervención paisaxística rural en Tesalónica (Grecia), no marco da reunión de consorcio do proxecto Interreg Europe PICOBELLO, do que é socia a Axencia Galega de Innovación (GAIN) e a Fundación Juana de Vega, un dos axentes colaboradores (stakeholder) en Galicia. 

O relatorio terá lugar este martes,16/09 na franxa de 11.30-13.00h durante a xornada dedicada ao intercambio de boas prácticas aliñadas coa Nova Bauhaus Europea a cargo de Nuria Freire, técnica da Paisaxe da Fundación Juana de Vega e a persoa que desenvolveu a iniciativa. Freire fará fincapé en que “O Couto Florido é un exemplo de intervención replicable que integra arte e biodiversidade, participación comunitaria e identidade cultural". Estará acompañada pola tamén técnica de emprendemento da entidade, Carmen Costas.

Dúas semanas despois, o martes, 30 de setembro “O Couto Florido” volverá presentarse no espazo “La Moda” Rural Lab (Silleda) da Fundación Roberto Rivas, outro dos axentes colaboradores do proxecto PICOBELLO en Galicia.

Máis novas do proxecto