O Couto fica florido para sempre

A Conselleira cunha vecina do Couto Florido
A Conselleira facendo entrega dunha maceta do Couto Florido a unha veciña
O Couto fica florido para sempre

Segue dándolle cor a súa pequena aldea galaica a xente do Couto. Unha desas aldeas máxicas, nas que a palabra comunidade cobra sentido máximo, como o demostra a implicación da veciñanza na Escola de Verán ou no Festiletras

Outro dos proxectos que serven para afondar nesa colectividade, ademais dos murais, é O Couto Florido, que arrincaba por primaveira dividíndose en tres fases: Sementes, Maio florido e Colleita. 

Onte, a veciñanza toda recibiu á  conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, para pechar, coa Colleita, este proxecto de colaboración público-privada que impulsou intervencións centradas na paisaxe, na flora autóctona e na dinamización social nunha aldea de Ponteceso. Trátase dun proxecto ambiental e participativo que pode servir de exemplo e replicarse noutros pobos galegos.

O proxecto Couto Florido conta coa participación do Instituto de Estudos do Territorio (IET), a través da achega de 18.000 euros, e das fundacións Juana de Vega e Eduardo Pondal. A implicación institucional da Xunta enmárcase no desenvolvemento das estratexias de Infraestrutura Verde e de Biodiversidade 2030, que pretenden asegurar a conservación da natureza, a mellora da conectividade ecolóxica e a posta en valor do patrimonio natural e paisaxístico.


Acompañada por diversas autoridades, a responsable autonómica participou hoxe na aldea do Couto, nun percorrido por diferentes espazos do lugar para comprobar in situ os resultados das actuacións realizadas desde marzo a través desta iniciativa de recuperación e dinamización do rural. Tamén fixo entrega duns galardóns ás persoas que participaron activamente na mellora e coidado da paisaxe, actividade final desta experiencia de recuperación.

Recepcion na Fundacion Eduardo Pondal con todo o Couto presente
Recepción na Fundación Eduardo Pondal con todo o Couto presente


Intervencións do proxecto

Máis de 50 persoas participaron en marzo na primeira acción de diagnose de Sementes, achegando 89 propostas veciñais de mellora paisaxística. A través dunha experiencia colectiva, promotores e cidadáns identificaron valores, retos e oportunidades, así como os espazos a intervir con este proxecto.

Nos seguintes meses, técnicos paisaxistas realizaron un traballo técnico de transformación das propostas veciñais. Deste xeito, en maio, houbo unha xornada de plantación de especies autóctonas e ornamentais guiada por expertas en cultivo ecolóxico e prácticas de xestión sostible, que tamén contou coa participación de artistas e empresas locais para outras actividades. Así, Maio florido propiciou a plantación de 15 especies florais autóctonas e a distribución de máis de 35 xardineiras de barro de Buño e madeira en rúas e fachadas.

A iniciativa do Couto Florido rematou coa xornada Colleita, que incluíu unha ruta para coñecer o resultado das intervencións realizadas e coa entrega de galardóns en recoñecemento ás persoas que colaboraron activamente no proxecto. Así, entregáronse 10 xardineiras a xogo coas macetas que xa se utilizaron na intervención do proxecto.

O Couto Florido 2

Comentarios