"Queremos que a Festa do Percebe do Roncudo deste ano se vexa dende a estación espacial”
”Hai gañas de festa“, recoñece o propio Patrón Maior de Corme. “É máis, necesitábase”. É o último ano desta directiva comandada por Roberto Vidal e “queremos acabar por todo o alto, queremos que sexa unha festa que quede marcada, que como di o alcalde de Vigo, se vexa dende a estación espacial”.
Así preparan na Confraría cormelá a XXVIII Festa do Percebe do Roncudo, que xa ten data: o 2 de xullo, trala reunión mantida co concello.
Como non podía ser doutro xeito, a gastronomía será a gran protagonista e a zona rochosa do Roncudo agardará, pechada, ata esa semana, para que os percebeiros extraian os arredor de 1.000 kg que se adoitan servir durante o evento. “Percebe de máxima calidade”, asegura Vidal.
Pero tamén haberá música, cunha selección de djs, e orquestras ou grupos ben definida para manter esa festa que enche a vila de camisolas por cuadrillas cada verán, pero que levaba parada dende o 2020.
Xa teñen pensado os pregoeiros, cunha ollada ao pasado, pero esperan poder confirmalo nos vindeiros días.
Conta atrás pois para unha das 12 Festas de Interese Turístico da Costa da Morte.