O IES Eduardo Pondal de Ponteceso oferta o Ciclo Medio de FP en Construción para o próximo curso

Canta falta fan profesionais da construción. E por iso é moi importante a  nova e prometedora oferta formativa que ofrece o IES Eduardo Pondal de Ponteceso o vindeiro curso académico: o Ciclo Medio de Formación Profesional en Construción, unha titulación oficial orientada a aquelas persoas que queiran incorporarse ao sector da construción con competencias prácticas e profesionais.

Trátase dunha formación dual intensiva, que combina a aprendizaxe no centro educativo coa realización de prácticas remuneradas en empresas da contorna durante varios días á semana.

Esta modalidade permite ao alumnado adquirir experiencia real no sector desde o inicio da súa formación.
Este ciclo está dirixido a quen desexe traballar no ámbito da edificación e da obra civil, desenvolvendo tarefas de albanelaría, formigón, rehabilitación, mantemento e reformas.
O alumnado terá a oportunidade de realizar prácticas en empresas da comarca, como Vipecon Galicia, Casa Cube, VAYRE Integral Services e Construcciones Mozo Souto, o que facilitará a súa inserción no mercado laboral.

Ao longo do curso, o estudantado adquirirá coñecementos técnicos a través de módulos como interpretación de planos, obras de urbanización, impermeabilizacións, illamentos e outros aspectos fundamentais da construción e da seguridade laboral.

O prazo de matrícula está aberto e desde o centro expresan a súa confianza nunha proposta formativa consolidada, que responde ás necesidades reais do sector e ofrece altas posibilidades de inserción laboral.

Máis novas