O Museo de Arte Contemporánea da Costa da Morte abre as portas á rapazada

Visita escolar ao MACCMO da rapazada do campamento do Couto

Cando se xuntan o campamento da Fundación Eduardo Pondal, co Museo de Arte Contemporánea da Costa da Morte (MACCMO) só poden acontcer cousas marabillosas. Como a que pasou este pasado luns, cando os nenos e nenas participantes no campamento “Un país de pintores e poetas” visitaron o activo centro cormelán.

Os pequenos e pequenas puideron desfrutar das espléndidas obras de arte alí expostas nunha visitar guiada por Carlota Cuesta, artista e membro do Patronato da Fundación.

Ademais, participaron nun obradoiro artístico e estiveron acompañados polo escultor arxentino de orixe alemá Manuel Kuperman, quen explicou a súa obra e firmou, coa súa man esquerda, os catálogos dos nenos e nenas.

Completan así unhas semanas impresionantes os rapaces do campamento do Couto, despois de ter visitado tamén o Museo Etnolúdico de Galicia MELGA, coñecendo a historia do xoguete da man de Ricardo Verdes.

Un centro activo

O centro segue moi vivo e xa ten a aberta a exposición itinerante "Ruta de los Museos. El Camino del Arte”.

Mentres, o MACCMO da Fundación Torre Pujales acolle como residencia este verán a Guillermo Álvarez, membro da asociación Oceánida dedicada á recuperación da obra de artistas falecidos. Esta residencia, ademais de permitir disfrutar das fantásticas vistas ao mar, permite a artistas de calquera disciplina desenvolver a súa obra nun espazo dedicado integramente á arte.