Paso definitivo para aprobación do PXOM de Ponteceso

O pasado venres o Diario Oficial de Galicia facía pública a aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Ponteceso. Logo da aprobación en pleno, cos únicos votos a favor do PP, agora tocaba o último trámite para darlle cabida a este necesario documento.

Un PXOM criticado pola oposición pola súa excesiva permisividade en materia de edificabilidade, pois establece unha capacidade residencial total de 6.565 vivendas, 4.081 existentes e 2.484 novas. En todo caso o solo rústico ocupa máis dun 94 % do total, tendo en conta que a especial protección de maior extensión é a forestal. No novo plan destaca a existencia de humedais como as Brañas de Gondomil, Rego de Bouzas, Niñóns, Balarés, Rego de Corme, Xuncal de Anllóns ou Esteiro de Anllóns. O solo de núcleo rural tamén ten un especial recoñecemento, concretamente os seus asentamentos, que teñen a condición de núcleos de poboación segregados da zona urbana. Así, o número total de núcleos rurais ascende a 122, dos que 77 son de tipo histórico ou tradicional.

Este novo planeamento configúrase como unha folla de ruta para o desenvolvemento urbanístico deste municipio coruñés nos vindeiros 16 anos, substituíndo o documento en vigor ata o momento, un plan aprobado o 26 de agosto de 2002.
Cómpre salientar que se introduce o solo rústico de especial protección paisaxística en sintonía coas determinacións do Plan de Ordenación do Litoral (POL), e coas áreas de interese paisaxístico que nel se sinalan.

Máis información

Un documento que xa se pode descargar na web municipal:

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).