Ponteceso abre o prazo de inscrición para o ‘Programa Respira’ de actividades de verán

O Local Social de Pazos acollerá actividades para 15 crianzas

O Concello de Ponteceso abre o 15 de xuño as inscricións para o ‘Programa Respira’, unha iniciativa que ten como fin promover a conciliación familiar durante os meses das vacacións de verán con campamentos en distintas localidades do municipio. 

Estes campamentos, que comezarán no mes de xullo e rematarán o día 7 de setembro, están dirixidos a nenos e nenas de entre 3 e 16 anos empadroados no municipio e escolarizados nos cursos de educación infantil, primaria e secundaria. No caso de que queden prazas vacantes poderá participar na iniciativa a rapazada non empadroada, pero sempre por orde de inscrición. 

A oferta abrangue un total de 110 prazas, con 30 no local social da Campara, 20 no Pavillón Municipal en Corme, 15 no local social en Pazos e 45 no Edificio das Escolas en Ponteceso. En todos os núcleos a xornada terá lugar en horario de 09:30 a 13:30 horas.

As inscricións estarán abertas dende o 15 ao 23 de xuño en Ponteceso, de forma presencial na Oficina da Educadora familiar municipal (Concello de Ponteceso) ou en liña, descargando o formulario de inscrición e presentándoo mediante correo electrónico na dirección dolores.blanco@ponteceso.gal. Tamén será posible inscribirse en Corme, na Oficina Municipal, os días 15, 16 e 17 de xuño en horario de 09:00h a 13:00 horas. En caso de precisar máis información pódese chamar ao 881 983 223.