Ponteceso propón aos propietarios a xestión común dos montes afectados polos lumes
Realizaba este pasado venres a veciñanza das parroquias da Graña e do Couto (Brantuas e Corme quedan para vindeiras reunións) unha reunión informativa convocada polo Concello para promover a xestión común dos montes afectados polos devastadores lumes do mes de agosto.
Unha iniciativa moi interesante a que presentou o Concello, coa intención que crear unha oficina que vaia atendendo a todos os propietarios que queiran entrar nunha agrupación de xestión conxunta, que será coordinada pola XERA Axencia Galega da Industria Forestal.
Os propietarios que queiran cederán os seu terreos para seren xestionados de modo conxunto, tendo claro que non se trata dun asunto puramente economicista, senón que busca que se autoxestione medioambientalmente, para manter limpos e seguros os nosos montes.
A reunión tivo lugar na Asociación Cultural Monte Blanco, na aldea do Couto, A reunión contou cunha ampla participación veciñal, mostra do interese da cidadanía por avanzar cara a unha solución conxunta.
“Queremos ofrecer acompañamento técnico e administrativo para que esta oportunidade chegue a bo porto. A xestión conxunta pode ser unha vía moi proveitosa para o futuro dos nosos montes”, sinalou o Jose Manuel Mato, que agradeceu ademais á Axencia Forestal Galega a súa colaboración e disposición a compartir coñecementos, así como á Asociación Cultural Monte Blanco pola cesión do espazo para a reunión.