Ponteceso reforza o equipamento do GES coa reposición de traxes de rescate técnico e forestal

O Concello de Ponteceso iniciou a reposición dos traxes de rescate técnico e forestal destinados ao persoal operativo do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES), co obxectivo de garantir que os efectivos dispoñan do equipamento axeitado para desenvolver o seu traballo nas mellores condicións de seguridade e eficacia.

Os traxes de rescate técnico e forestal constitúen unha peza fundamental do equipamento operativo do grupo, ao estar destinados a ofrecer protección en distintas tipoloxías de intervención, desde incendios forestais ata rescates, asistencias en emerxencias e outras incidencias nas que resulta imprescindible contar cunha protección técnica específica.

O alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato, destacou que “é necesario seguir dotando ao GES dos medios e equipamentos necesarios para que os profesionais que integran o servizo poidan desenvolver o seu labor coas máximas garantías”. Neste sentido, lembrou tamén que “a intensa campaña de incendios do verán de 2025 puxo de manifesto, unha vez máis, a importancia de contar con servizos de emerxencias ben preparados e correctamente equipados para facer fronte a situacións de especial complexidade”.