Ponteceso segue descubrindo o cine de Ángel de la Cruz
A segunda película do ciclo “En outubro, Ponteceso é de cine” de Ponteceso Cultura Permanente (PCP), chega este venres 10, ás 22:00 h, no Edificio das Escolas.
Trátase de Los muertos van deprisa, dirixida, producida e con guión de Ángel de la Cruz, unha comedia coral e costumista que conta a historia de Irene, unha camioneira que viaxa a un pequeno pobo costeiro de Galicia en busca de marisco e queda atascada co seu camión nunha ponte impedindo o paso ao cemiterio o día que teñen que enterrar o pai do presidente da confraría de mariscadores.
Los muertos van deprisa foi a películo con máis nominacións aos Premios Mestre Mateo da Academia Galego do Audiovisual (20 nominacións) e converteuse na longametraxe máis premiada do cine galego ao gañar 9 deses premios, entre eles, o de Mellor Longametraxe. Ponteceso Cultura Permanente agradece a xenerosidade de Ángel de la Cruz e a colaboración do Concello de Ponteceso.