Ponteceso si tivo Feira das Fabas

Había gañas de festa, sobre todo despois da prohibición das festas da Pilarica. E foi todo un éxito, a pesar das colas para facerse cunha ración, a Feira das Fabas, que celebraba a súa 30ª edición coa presencia, segundo o Concello, de 2.500 persoas.

Os grandes protagonistas foron os e as cociñeiras levan trinta anos “ao pé da pota facendo a mellor fabada do mundo, con pan da Trabe”. O alcalde e Valentín González Formoso loubaron a unión da veciñanza para conseguir esta cifra, pero a máis esperada era a intervención da pregoeira. A televisiva Eva Iglesias puxo a súa naturalidade e humor ao servizo da veciñanza.

Durante a mañá houbo unha demostración de como elaborar figuras de madeira cunha motoserra da man de Yosi Fervenza; o pasarrúas correu a cargo da Treboada do Baixo Miño, que levou a música por todos os recunchos e, tan pronto remataron de comer, os asistentes bailaron ao ritmo da Banda da Balbina.