As postais do IES de Ponteceso viaxan aos centros de maiores de toda a comarca

Alumnado do IES Eduardo Pondal na Casa do Maior de Erbecedo

Valen ouro as accións interxeracionais que artellan os centros de ensino. Desta volta foi o ES Eduardo Pondal os que promoven, un ano máis, unha batida de postais de nadal solidarias cara os centros que atenden a maiores da comarca. É o alumnado do ciclo de atención a personas en situación de dependencia o que organizou no instituto un obradoiro de postais de nadal para enviar a máis de 140 persoas maiores que asisten ou viven en centros da nosa comarca.

Moitas destas persoas viven soas ou nos propios centros residenciais, eses sentimentos de soidade poden afectar á súa autoestima e influir na súa calidade de vida, cando máis nestas datas tan sinaladas. Pequenas accións coma esta pretenden concienciar sobre esta realidade e ofrecer unha nota de ledicia ás persoas máis vulnerables e ás que tanto temos que agradecer despois de toda unha vida adicada aos demais.

A acción serve tamén para tecer redes entre as diferentes institucións adicadas aos coidados das persoas dependentes e fomentar a participación comunitaria das máis novas do noso centro.

”Sempre é unha experiencia moi especial ver o cariño e esmero co que grandes e pequenos preparan as postais, a súa decoración, os textos coas felicitacións e os bos desexos para o vindeiro ano, e non faltan consellos sobre os excesos co turrón ou o champán”, explican, despois da visita do alumnado do ciclo á Casa do Maior de Erbecedo en Coristanco para entregarlles en man ás usuarias as súas felicitacións, nunha visita cargada de emocións e ilusións.

O pasado ano enviaron ao Centro de Día de Cabana e as Cooperativas das Casas do Maior da Costa da Morte, e nesta ocasión amplían á vivenda comunitaria de Vimianzo e ao centro de día da Laracha.