O profesorado do IES Eduardo Pondal de Ponteceso súmase aos “martes en loita”

Ducias de centros de todo o país viven estes días as novas xornadas de mobilizacións do profesorado convocadas polos sindicatos CIG e STEG. Despois das 5 folgas protagonizadas no primeiro trimestre e da falta de resposta da Consellería, o profesorado volve a realizar accións reivindicativas.

Así o fixo esta mañá a Asemblea Aberta do Profesorado do CEIP Eduardo Pondal de Ponteceso, cunha primeira primeira acción dos chamados “Martes en loita”.

A través de carteis e actos no centro buscan dar visibilidade aos graves problemas que afectan ao ensino público, esixindo que a Xunta tome medidas urxentes para reducir a ratio por aula para atender mellor ao alumnado, recuperar as horas lectivas ampliadas hai máis de 10 anos, máis recursos para atención á diversidade e redución da burocracia que, cada vez máis, afoga ao profesorado son algunhas das demandas xerais.

A todas estas esixencias, a asemblea pontecesá reclama tamén melloras nas infraestruturas do centro. E é que agardan dende hai anos solucións para un tellado que xa non pode máis. Hai dous cursos, o seu grave deterioro xa provocara a caída do falso teito duha aula, por sorte, fóra do período lectivo. Lonxe de arranxar as pingueiras, a solución foi mudar o falsoteito.

Hai uns meses volveu inundarse e houbo que clausurar a aula. As inclemencias meteorolóxicas da semana pasada só agravaron o problema ao voar parte do tellado. Aínda que por sorte non houbo dano persoais, rompeu o teito do pavillón e agora son catro as aulas clausuradas ás que se engaden outras dúas co uso limitado polas novas pingueiras.

Deste xeito a Asemblea Aberta do Profesorado do IES de Ponteceso reclama solucións para os problemas dun centro con dous edificios nos que chove dentro e que cada vez complica máis a situación para o seu alumnado, principal prexudicado por esta situación”.