O IES Terras do Xallas implantará no curso 25/26 un novo ciclo de FP Dual en Electromecánica de Maquinaria
Importante, case histórica, a nova que vén de protagonizar o IES Terra do Xallas. O centro xalleiro ofrecerá a partir do curso escolar 2025-2026 un novo ciclo medio de Formación Profesional Dual en Electromecánica de Maquinaria, unha especialidade cunha alta demanda no mercado laboral e que actualmente só se imparte en moi poucos centros de Galicia, como o CIFP As Mercedes (Lugo), o CIFP Porta da Auga (Ribadeo) e o IES García Barbón (Verín).
Trátase dun gran logro colectivo acadado tras un ano e medio de xestións, "un fito histórico para a vila e para as posibilidades formativas e laborais da mocidade de Santa Comba e da contorna", entende dende o centro, que agradecen o comprmiso da Asociación de Empresarios de Santa Comba, e a implicación da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades da Xunta de Galicia e do propio Concello.
A aposta pola Electromecánica de Maquinaria consolidouse grazas ao aval de máis de 20 empresas do municipio que se comprometeron a acoller ao alumnado durante o seu período de prácticas.
Este novo ciclo de FP Dual contará con 22 prazas, permitindo ao alumnado acceder a prácticas remuneradas nas empresas colaboradoras xa dende os primeiros meses de formación, o que supón unha vantaxe competitiva clave para a súa futura inserción
laboral.
Trátase dunha formación estratéxica para reforzar a conexión entre a educación e as necesidades reais do tecido produtivo da zona, que se suma á oferta xa existente de dous ciclos básicos, un de Cociña e Restauración e outro de Mantemento de vehículos, un ciclo medio de Xestión Administrativa e un superior de Administración e finanzas, que conseguen unha inserción laboral de máis do 90% do alumnado.